A nosa razón de ser

A autonomía galega actual ten o seu antecedente máis inmediato no Estatuto de autonomía aprobado mediante referendo o 28 de xuño de 1936 por máis do noventa e nove por cento das persoas con dereito a voto. Este primeiro estatuto e o seu órgano de Goberno, a Xunta, exerceron unha evidente influencia na institucionalización autonómica actual de Galicia e na súa configuración identitaria como nacionalidade histórica.

A Lei para a reforma política de 1977 posibilita a admisión progresiva de autonomías provisionais. Tras as primeiras eleccións democráticas de 1977, unha asemblea de parlamentarios aprobou un texto que servirá de base do réxime preautonómico de Galicia. Partindo deste texto, institúese a Xunta como órgano de goberno provisional de Galicia, mediante o Real decreto lei 7/1978, do 16 de marzo. O acto de constitución da Xunta de Galicia preautonómica celebrouse no Pazo de Xelmírez de Santiago de Compostela o 18 de abril de 1978.

A preautonomía galega baséase na existencia dun territorio formado polas catro provincias de Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra). A Xunta preautonómica exerce competencias en materia de autoorganización, relacións coas deputacións provinciais, xestión dos servizos transferidos e realización de propostas ao goberno da nación acerca das medidas que afecten os intereses galegos.

A Constitución española de 1978 prevé un réxime autonómico singular para os territorios que no pasado plebiscitaron proxectos de estatutos de autonomía. Deste xeito, Galicia, Cataluña e o País Vasco accederon en principio aos seus estatutos en condición de nacionalidades históricas, por se declararen, ademais, como identidades colectivas, lingüísticas e culturais diferenciadas do resto de España.

O Estatuto de autonomía para Galicia aprobouse mediante Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril. O Estatuto é a norma institucional básica da Comunidade Autónoma de Galicia e o Estado recoñéceo e ampárao como parte do seu ordenamento xurídico. O título I do Estatuto establece os tres poderes da Comunidade Autónoma: o Parlamento, a Xunta e o seu Presidente. O título II recolle as competencias de Galicia; o título III ocúpase de Administración pública galega; o título IV, da economía e da facenda; e o título V, da reforma do propio Estatuto.

5 / 62