Sistema de control horario e xustificación de ausencias

Sistema de control horario

O control horario terá por obxecto verificar o cumprimento da xornada de traballo establecida. Para tal efecto, todo o persoal empregado público deberá efectuar a fichaxe no seu ordenador, coa tarxeta de acreditación do persoal, ao inicio e remate da xornada laboral ou, de ser o caso, cos medios que se lle faciliten para iso.

Diariamente, o persoal empregado público disporá de 10 minutos para efectuar as fichaxes de entrada e saída, que se computará como tempo de traballo efectivo.

Ademais, disporase dunha compensación horaria, que é a posibilidade que ten o persoal empregado público de recuperar o tempo de traballo efectivo non realizado.

Os/as empregados/as suxeitos/as ao horario laboral xeral disporán diariamente de 30 minutos para compensar os eventuais atrasos na chegada ao seu posto de traballo. Os/as empregados/as públicos/as suxeitos/as ao horario laboral flexible en calquera das súas modalidades poderán compensar, dentro do horario flexible do mes seguinte a aquel en que se produzan, os eventuais incumprimentos do horario asignado, en cómputo mensual.

Xustificación de ausencias

As ausencias e faltas de puntualidade e permanencia do persoal deberán comunicarse, con carácter inmediato, á persoa responsable da unidade administrativa á cal estea adscrito o persoal empregado público. Para os efectos desta comunicación, terán validez as comunicacións electrónicas que permitan deixar constancia da súa realización. E deberán xustificarse ante o órgano competente en materia de persoal onde o/a empregado/a preste servizos.

As ausencias e faltas de puntualidade e de permanencia que non queden debidamente xustificadas ou as non compensadas segundo o disposto regulamentariamente darán lugar á dedución proporcional de haberes.