Dereitos sociais

Fondo de acción social. A Administración da Xunta de Galicia destina anualmente unha porcentaxe da dotación orzamentaria para custos de persoal á concesión de axudas de carácter social.

A natureza das axudas, o persoal con dereito a percibilas, os criterios de repartición entre os solicitantes e o procedemento para a súa concesión son obxecto de negociación coas organizacións sindicais representadas na Mesa Xeral de Negociación de Funcionarios e no Comité Intercentros do Persoal Laboral (CIG, CCOO, UXT e CSIF).

O acordo conseguido apróbase polo Consello da Xunta de Galicia e publícase no Diario Oficial de Galicia con indicación da forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes.

Pólizas de seguros. A Consellería de Facenda e Administración Pública formalizou unha póliza de seguro que cobre os riscos de accidentes do persoal ao servizo da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, as entidades públicas instrumentais definidas no artigo 45 a) de la Lei 16/2010, de 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración Xeral e do sector público autonómico de Galicia ,e as entidades a que fan referencia os puntos 3, 4 e 5 da disposición transitoria terceira da citada lei.

O órgano de contratación da citada póliza é a Secretaría Xeral e do Patrimonio, por delegación do titular da Consellería de Facenda e Administración Pública, ao abeiro da Orde da Consellería de Facenda de delegación de competencias na Secretaría Xeral e do Patrimonio do 9 de febreiro de 2012. O responsable do contrato de acordo co prego de condicións é o Servizo de Xestión de Riscos e Seguros da Subdirección Xeral do Patrimonio.

Calquera persoa pertencente ao colectivo asegurado que desexe comunicar un sinistro deberá remitir o parte do sinistro ao centro de traballo onde presta ou prestaba servizos.

Para dar de alta os sinistros, utilizaranse os modelos existentes acompañados da documentación necesaria en cada caso. O parte de notificación de sinistro deberá remitirse totalmente cuberto e asinado, agás o número de expediente, que o xerará automaticamente a aplicación informática de xestión de riscos que elaborou e xestiona o CIXTEC.

Adianto de nómina. É posible solicitar un adianto de nómina aquí.

36 / 62