O Consello da Xunta

A Xunta é o órgano colexiado que, baixo a dirección do presidente, dirixe a política xeral e a Administración da Comunidade Autónoma. Para tal fin, exerce a iniciativa lexislativa, a función executiva e a potestade regulamentaria de conformidade co Estatuto de Autonomía e as leis.

A Xunta reúnese en Consello, que estará formado polo presidente, o vicepresidente ou vicepresidentes -se é o caso- e os/as conselleiros/as. O Consello designará de entre os seus membros un/unha secretario/a, que dará fe dos seus acordos e dos das comisións delegadas.

O Consello entenderase validamente constituído cando asista o presidente, ou quen o substitúa e, polo menos, a metade dos seus membros. Os acordos serán tomados por maioría. En caso de empate, dirimirá o voto do presidente.

A Xunta poderá crear no seu seo comisións delegadas para coordinar a elaboración de directrices e disposicións, programar a política sectorial, examinar asuntos de interese interdepartamental e preparar as reunións do Consello.

A Comisión de Secretarios Xerais Técnicos é o órgano encargado de analizar con carácter previo os proxectos de disposicións que se someterán á decisión do Consello da Xunta.

16 / 62