MANUAL DE ACOLLIDA

Benvida do presidente

En primeiro lugar, quero transmitirche a miña felicitación por ter superadas as probas selectivas que che dan acceso á condición de empregado/a público/a da Xunta de Galicia.

Como sabes, esta organización ten como misión asumir o poder executivo da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Xunta, órgano colexiado de autogoberno de Galicia, cuxas competencias propias exerce de forma irrenunciable a través dos órganos que as teñen atribuídas dentro da súa estrutura organizativa.

De cara ao futuro, estamos orgullosos de contar coa túa colaboración para implantar unha organización moderna que continúe incrementando a calidade de vida da sociedade á que serve, mellorando os servizos prestados e satisfacendo as demandas e necesidades presentes e futuras das persoas usuarias e do conxunto da cidadanía.

Este manual elaborouse para dar a coñecer, ao persoal de novo ingreso da Xunta de Galicia, información útil acerca das características básicas desta organización, coa finalidade de facilitar a súa incorporación a esta Administración pública e colaborar na súa adaptación ao novo posto de traballo.

Para rematar, queda desexarche que teñas un doado proceso de integración e que a experiencia do teu paso pola Xunta de Galicia te enriqueza tanto profesional como persoalmente.

 

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ligazóns relacionadas
Finalidade do manual

Obxecto

O obxecto deste manual de acollida é dar a coñecer ao persoal de novo ingreso da Xunta de Galicia información útil acerca das características básicas desta organización.

Obxectivos principais

  • Facilitar a incorporación do persoal de novo ingreso á Xunta de Galicia.
  • Colaborar na adaptación deste persoal ao seu novo posto de traballo.
Capítulo 1- A Xunta de Galicia
A nosa razón de ser

A autonomía galega actual ten o seu antecedente máis inmediato no Estatuto de autonomía aprobado mediante referendo o 28 de xuño de 1936 por máis do noventa e nove por cento das persoas con dereito a voto. Este primeiro estatuto e o seu órgano de Goberno, a Xunta, exerceron unha evidente influencia na institucionalización autonómica actual de Galicia e na súa configuración identitaria como nacionalidade histórica.

A Lei para a reforma política de 1977 posibilita a admisión progresiva de autonomías provisionais. Tras as primeiras eleccións democráticas de 1977, unha asemblea de parlamentarios aprobou un texto que servirá de base do réxime preautonómico de Galicia. Partindo deste texto, institúese a Xunta como órgano de goberno provisional de Galicia, mediante o Real decreto lei 7/1978, do 16 de marzo. O acto de constitución da Xunta de Galicia preautonómica celebrouse no Pazo de Xelmírez de Santiago de Compostela o 18 de abril de 1978.

A preautonomía galega baséase na existencia dun territorio formado polas catro provincias de Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra). A Xunta preautonómica exerce competencias en materia de autoorganización, relacións coas deputacións provinciais, xestión dos servizos transferidos e realización de propostas ao goberno da nación acerca das medidas que afecten os intereses galegos.

A Constitución española de 1978 prevé un réxime autonómico singular para os territorios que no pasado plebiscitaron proxectos de estatutos de autonomía. Deste xeito, Galicia, Cataluña e o País Vasco accederon en principio aos seus estatutos en condición de nacionalidades históricas, por se declararen, ademais, como identidades colectivas, lingüísticas e culturais diferenciadas do resto de España.

O Estatuto de autonomía para Galicia aprobouse mediante Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril. O Estatuto é a norma institucional básica da Comunidade Autónoma de Galicia e o Estado recoñéceo e ampárao como parte do seu ordenamento xurídico. O título I do Estatuto establece os tres poderes da Comunidade Autónoma: o Parlamento, a Xunta e o seu Presidente. O título II recolle as competencias de Galicia; o título III ocúpase de Administración pública galega; o título IV, da economía e da facenda; e o título V, da reforma do propio Estatuto.

Histórico dos presidentes da Xunta de Galicia
Os nosos datos

Somos unha organización con forte presenza en todo o territorio de Galicia. O noso obxectivo fundamental é prestar o mellor servizo posible á cidadanía galega. Os trazos básicos que nos definen son estes:

  • Temos 2.000 centros de servizos
  • Contamos con 90.000 empregados/as públicos/as
  • Estamos presentes en máis de 300 localidades
  • Servimos a preto de tres millóns de persoas
  • Dispomos dun orzamento consolidado de 14.167.171.153 euros
  • Destinamos sete de cada dez euros a educación, sanidade e políticas sociais de familia, infancia, xuventude, inclusión, maiores e dependencia.
Algúns fitos singulares

 

ESTATUTO DE AUTONOMÍA

IDENTIDADE AUTONÓMICA

LINGUA PROPIA

ORGANIZACIÓN INSTITUCIONAL

ORGANIZACIÓN DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

RÉXIME XURÍDICO

FUNCIÓN PÚBLICA

RÉXIME ECONÓMICO, FINANCEIRO E TRIBUTARIO

ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA

ADMINISTRACIÓN LOCAL

PARTICIPACIÓN POLÍTICA

IGUALDADE

DEMOGRAFÍA

DEREITO CIVIL

Onde estamos

A Xunta de Galicia mantén a política de concentrar en áreas administrativas únicas diferentes organismos e delegacións territoriais para garantir un mellor servizo á cidadanía evitando a dispersión de dependencias, co fin de acadar os desexables niveis de economía e racionalidade do gasto derivados da inmediatez das dependencias e o uso común dos diferentes servizos, ao tempo que facilita considerables aforros de tempo e de accesibilidade ás informacións e procedementos por parte do conxunto de persoas usuarias.

Neste sentido inscríbese a progresiva posta en funcionamento dos edificios administrativos de servizos múltiples que concentren as oficinas administrativas da Xunta de Galicia nas grandes cidades galegas, empezando polo máis antigo: o edificio administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, sede dos servizos centrais da Administración autonómica de Galicia.

Servizos Centrais da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela

  • Enderezos postais:
    • Edificio administrativo de San Caetano 15781 Santiago de Compostela
    • Edificio administrativo de San Lázaro 15781 Santiago de Compostela
  • Teléfonos: 981 545 400 / 012
  • Mapa: Google Maps

Edificio administrativo da Coruña

  • Enderezo postal:
    • R/ Vicente Ferrer 2, Monelos, 15071 A Coruña
  • Teléfonos: 981 545 400 / 012
  • Mapa: Google Maps

Edificio administrativo de Ferrol

  • Enderezo postal:
    • Praza Camilo José Cela s/n, 15403 Ferrol
  • Teléfonos: 981 545 400 / 012
  • Mapa: Google Maps

Edificio administrativo de Lugo

  • Enderezo postal:
    • Ronda da Muralla 70, 27071 Lugo
  • Teléfonos: 981 545 400 / 012
  • Mapa: Google Maps

Edificio administrativo de Ourense

  • Enderezo postal:
    • Avda. da Habana 79, 32071 Ourense
  • Teléfonos: 981 545 400 / 012
  • Mapa: Google Maps

Edificio administrativo de Pontevedra

  • Enderezo postal:
    • Avda. M. Victoria Moreno 43, 36071 Pontevedra
  • Teléfonos: 981 545 400 / 012
  • Mapa: Google Maps

Edificio administrativo de Vigo

  • Enderezo postal:
    • R/ Concepción Arenal 8, 36201 Vigo
  • Teléfonos: 981 545 400 / 012
  • Mapa: Google Maps
Modelo estratéxico
Plan estratéxico de Galicia 2022-2030
Integridade institucional

A Xunta de Galicia conta cun Programa de integridade institucional e prevención de riscos de xestión, aprobado o 26 de maio de 2021 polo Consello da Xunta de Galicia, entendido como un compromiso da Administración autonómica de Galicia coa integridade e a busca dunha acción exemplar e responsable dos altos cargos e de todo o seu persoal.

Programa de integridade institucional supón a materialización do afianzamento da política institucional de integridade da Xunta de Galicia, que se enfoca desde unha perspectiva global.

Así mesmo, a Xunta de Galicia aprobou o 10 de decembro de 2021 o seu Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude, revisado e actualizado o 19 de marzo de 2023, que se completa cos plans de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude das distintas consellerías.

Plan xeral de xestión e mellora da calidade 2021-2023

icona

O Plan xeral de xestión e mellora da calidade dos servizos do sector público autonómico de Galicia abrangue a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades públicas instrumentais previstas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Este Plan desenvolverá medidas prioritarias estruturadas arredor destes dez eixos de actuación:

  • Eixo 1: Funcionamento dos servizos públicos
  • Eixo 2: Xestión da calidade e instrumentos de mellora da calidade
  • Eixo 3: Racionalización e simplificación de procedementos administrativos
  • Eixo 4: Contratación administrativa
  • Eixo 5: Xestión do persoal
  • Eixo 6: Transparencia
  • Eixo 7: Información e atención á cidadanía
  • Eixo 8: Participación cidadá
  • Eixo 9: Integridade institucional
  • Eixo 10: Difusión e comunicación
Capítulo 2 - Como nos organizamos
Estrutura organizativa por departamentos
Entidades instrumentais

Segundo a Lofaxga, o sector público autonómico, ademais de pola propia Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, está integrado polas seguintes entidades:

Entidades públicas instrumentais
Outras entidades instrumentais

Entidades públicas instrumentais dependentes da Administración xeral ou doutras entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia. Son estas:

  • Organismos autónomos
  • Axencias públicas autonómicas
  • Entidades públicas empresariais
  • Consorcios autonómicos.

Outras entidades instrumentais respecto das quea Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia exerce xuridicamente, de forma directa ou indirecta, unha posición de dominio, entendendo como tal, para estes efectos, aquela na que se exerce un control análogo ao dos propios servizos da Administración. Son estas:

  • Sociedades mercantís públicas autonómicas
  • Fundacións do sector público autonómico.

 

O Consello da Xunta

A Xunta é o órgano colexiado que, baixo a dirección do presidente, dirixe a política xeral e a Administración da Comunidade Autónoma. Para tal fin, exerce a iniciativa lexislativa, a función executiva e a potestade regulamentaria de conformidade co Estatuto de Autonomía e as leis.

A Xunta reúnese en Consello, que estará formado polo presidente, o vicepresidente ou vicepresidentes -se é o caso- e os/as conselleiros/as. O Consello designará de entre os seus membros un/unha secretario/a, que dará fe dos seus acordos e dos das comisións delegadas.

O Consello entenderase validamente constituído cando asista o presidente, ou quen o substitúa e, polo menos, a metade dos seus membros. Os acordos serán tomados por maioría. En caso de empate, dirimirá o voto do presidente.

A Xunta poderá crear no seu seo comisións delegadas para coordinar a elaboración de directrices e disposicións, programar a política sectorial, examinar asuntos de interese interdepartamental e preparar as reunións do Consello.

A Comisión de Secretarios Xerais Técnicos é o órgano encargado de analizar con carácter previo os proxectos de disposicións que se someterán á decisión do Consello da Xunta.

Unha Xunta transparente

A transparencia é un dos principios que rexe toda a actuación do sector público autonómico de Galicia.

Para conformar axeitadamente este piar, a Xunta de Galicia está a desenvolver estoutros:

Así mesmo, estanse a aplicar os mecanismos previstos legalmente de bo goberno e o control da actividade das persoas que ocupan altos cargos, ademais das obrigas que acompañan o exercicio desa responsabilidade.

En definitiva, unha administración cada vez máis próxima ten que conxugar o logro da eficacia na acción, a eficiencia na asignación de recursos e a axilización dos procedementos administrativos para prestar o mellor servizo á cidadanía desde a óptica da gobernanza, ou sexa, definindo, coordinando e executando as políticas públicas mediante o deseño e desenvolvemento de modelos e instrumentos de innovación e mellora da calidade destes servizos, a avaliación das políticas públicas e a introdución de sistemas de bo goberno.

Principios xerais de actuación

Os principios xerais que recolle o Código ético institucional da Xunta de Galicia dirixidos a todos/as os/as empregados/as públicos/as son estes:

Criterios
      Principios
Cumprimento da legalidade
  • Respecto ás normas xurídicas
  • Respecto aos dereitos fundamentais e liberdades públicas
Obxectividade e respecto
  • Satisfacción do interese xeral
  • Conduta digna, atenta, respectuosa e correcta coa cidadanía e co persoal
  • Transparencia na xestión dos asuntos públicos

Dedicación ao traballo

 

  • Lealdade, integridade, imparcialidade, obxectividade e dilixencia debida
  • Eficacia, economía, eficiencia, optimización e control do gasto
  • Defensa da dignidade da Administración autonómica

 

Identidade corporativa

A identificación corporativa da Xunta de Galicia está directamente relacionada coa súa imaxe, que ten un forte impacto no ámbito da comunicación como elemento de cohesión, recoñecible e diferencial. O Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia ten por obxecto aprobar a imaxe corporativa institucional do Goberno e do sector público autonómico de Galicia e regular o seu uso.

O decreto anterior tamén aproba o Manual de identidade corporativa da Xunta de Galicia. Os elementos básicos da imaxe corporativa son o símbolo constituído polo escudo de Galicia e o logotipo corporativo formado pola plasmación tipográfica da expresión ⟪Xunta de Galicia⟫.

As siglas da Xunta

Ifeco ou Expocoruña

Capítulo 3 - A nosa forza: as persoas
As empregadas e os empregados públicos

Os/as empregados/as públicos/as clasifícanse en:

  • Persoal funcionario de carreira: teñen a condición de persoal funcionario de carreira as persoas que, en virtude de nomeamento legal, están vinculadas á Administración pública por unha relación estatutaria regulada polo dereito administrativo para o desempeño de servizos profesionais retribuídos de carácter permanente.
  • Persoal funcionario interino: teñen a condición de persoal funcionario interino as persoas que, por razóns expresamente xustificadas de necesidade e urxencia, son nomeadas en tal condición para o desempeño de funcións propias do persoal funcionario de carreira.
  • Persoal laboral: teñen a condición de persoal laboral as persoas que, en virtude de contrato de traballo formalizado por escrito, en calquera das modalidades de contratación de persoal previstas na lexislación laboral, prestan servizos retribuídos nas administracións públicas incluídas no ámbito de aplicación desta lei. En función do réxime de duración do contrato, este pode ser fixo, temporal ou indefinido.
  • Persoal eventual: teñen a condición de persoal eventual as persoas que, en virtude de nomeamento e con carácter non permanente, só realizan funcións expresamente cualificadas como de confianza ou asesoramento especial, retribuídas con cargo aos créditos orzamentarios consignados para este fin.
Directrices de comportamento

As principais directrices de comportamento de todos/as empregados/as públicos/as son as seguintes:

  • Prohíbeselles recibir agasallos e dádivas. Exceptúanse determinadas atencións protocolarias e mostras de cortesía.
  • Absteranse de cometer abusos de poder, situacións de vantaxe ou tratamento de privilexio.
  • Refórzanse os mecanismos de supervisión da imparcialidade e a obxectividade nos procedementos de selección de persoal e de contratación.
  • Incídese no uso responsable e optimización dos recursos e medios públicos, tales como instalacións, maquinaria, vehículos, teléfonos, ordenadores ou fotocopiadoras, que deben ser usados só no exercicio do cargo ou posto.
  • Introdúcense novas esixencias para os cargos públicos en materia de incompatibilidades e de conflito de intereses.
  • Establécense criterios integrais para a aplicación das disposicións relativas ás viaxes oficinais ao exterior, facendo especial incidencia durante os períodos electorais.

Así mesmo, o persoal empregado público coidará con especial esmero o material á súa disposición para o desempeño das funcións que se lle encomende, facendo uso del unicamente para cometidos relacionados coa súa actividade profesional na Administración. En especial, esforzarase por manter limpo e ordenado o seu posto de traballo e por manter unha presenza física digna e decorosa.

COMPORTAMENTO E SUPERVISIÓN
Instrumentos internos e externos de supervisión

Disponse dos seguintes instrumentos internos e externos de supervisión para comprobar o cumprimento do Código ético por parte dos/as empregados/as públicos/as:

  • Coordinación e supervisión do seu cumprimento: Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, agás nos ámbitos sanitario e educativo, onde xa existen órganos internos de supervision.
  • Control de incompatibilidades: Dirección Xeral da Función Pública.
  • Condutas contrarias ao Código ético: Asesoría Xurídica Xeral para os efectos da súa valoración e posible remisión ao Ministerio Fiscal.