Co obxectivo de mellorar a conciliación da vida familiar e laboral, a Xunta de Galicia iniciou no ano 2011 un proceso encamiñado a permitirlle ao persoal empregado público a posibilidade de acollerse ás vantaxes da flexibilidade laboral e o teletraballo, obxectivos pioneiros do sistema de información e control horario do persoal empregado público Kronos, aprobado o día 31 de marzo de 2011 polo Consello da Xunta de Galicia.
A medida relativa á flexibilidade, derivada das circunstancias de conciliación da vida familiar e laboral, está prevista na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. En 2013 introdúcese por primeira vez na Xunta de Galicia unha flexibilidade automática para todo o persoal empregado público a través da Orde do 20 de decembro de 2013, conxunta da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, pola que se regulan a acreditación, a xornada e o horario de traballo, a flexibilidade horaria e o teletraballo das empregadas e empregados públicos no ámbito da Administración xeral e do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 249, do 31 de decembro de 2013) e na Resolución conxunta do 8 de agosto de 2014. Na actualidade, a medida relativa ao teletraballo está regulada na Orde do 14 de decembro de 2020 pola que se publica o Acordo sobre a prestación de servizos na modalidade de teletraballo na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
Outra medida de conciliación, prevista na Orde do 15 de xaneiro de 2019 pola que se publica o Acordo de concertación do emprego público de Galicia, concretamente no punto sexto da súa sección primeira, “Medidas en materia de xornada de traballo e de conciliación do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia”, é unha bolsa de horas de libre disposición, acumulables entre si de ata un 5 % da xornada anual, con carácter recuperable no período de tempo que así se determine, e dirixida de forma xustificada á atención a medidas de conciliación para o coidado e atención de maiores, persoas con discapacidade e fillos/fillas menores, nos termos que en cada caso se determinen.
Complétanse as medidas de conciliación para o persoal ao servizo da Xunta de Galicia cos permisos, licenzas e reducións de xornada por motivo de conciliación da vida persoal, familiar e laboral reguladas na Resolución do 24 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas, en desenvolvemento do artigo 49 do Real decreto lei 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público.