Ferramentas e servizos de apoio

A Intranet da Xunta de Galicia é un conxunto de contidos aos que só se pode acceder dende os postos conectados á Rede de Datos da Xunta de Galicia, é dicir, non se pode acceder libremente por calquera público e dende calquera sitio. Os principais servizos que ofrece a Intranet son os seguintes:

icona

Kronos. É unha ferramenta que permite ás/aos empregadas/os públicas/os rexistrar a hora de entrada e a hora de saída desde o seu posto de traballo.

icona

Recursos xurídicos. Nesta sección figuran os repositorios legais de manexo habitual, que ofrecen información especializada en materia de lexislación e xurisprudencia e incorporan bases de datos de coñecemento especializado, utilidades e ferramentas de busca avanzada, recursos para consultas legais e outros servizos profesionais. Tamén se ofrece acceso aos boletíns e diarios oficiais das comunidades autónomas do Estado español e doutras institucións.

icona

Protección de datos. Pode consultarse aquí a normativa estatal e autonómica en materia de protección de datos, os informes da Axencia Española de Protección de Datos e os ditames do Comité Europeo de Protección de Datos, os diferentes documentos que regulan a protección de datos na Xunta de Galicia e diversos cursos sobre esta materia.

icona

Portasinaturas. É a ferramenta para asinar documentos de xeito electrónico e seguro.

icona

Notifica.gal. É o sistema de notificación electrónica de Galicia, servizo que permite a cidadáns/ás, empresas e administracións públicas galegas recibir de forma áxil e sinxela notificacións electrónicas das administracións públicas galegas.

icona

Rexistro electrónico (Rexel). Ferramenta para as unidades xestoras que lles permite recibir anotacións e da documentación electrónica asociada que presenta a cidadanía dirixida a unha unidade xestora; e o envío de documentación electrónica elaborada pola unidade xestora a outras unidades ou administracións públicas.

icona

pasaXe!. Plataforma de interoperabilidade que lles permite aos órganos administrativos intercambiar electronicamente datos e documentos de cidadáns e empresas para garantirlles o seu dereito a non presentar documentos que fosen elaborados por calquera Administración pública.

icona

Morfeo. Ferramenta que lles permite aos/ás xefes/as de servizo ou responsables de unidades facer o seguimento do persoal que está ao seu cargo.

icona

Matrhix. Aplicación que permite aos xestores de persoal xestionar o expediente dun/dunha empregado/a público/a.

icona

Correo electrónico corporativo. É un servizo ofrecido para uso profesional a todo o persoal da Xunta de Galicia.

icona

Directorio telefónico da Xunta de Galicia. Listaxe de números de teléfono corporativos, xunto cos nomes dos/as empregados/as públicos/as vinculados a eles, os seus postos de traballo e a unidade administrativa á que pertencen.

icona

Sistema Integrado de Atención Cidadá (Siaci) . É o conxunto de órganos, servizos e unidades que ten entre as súas principais funcións a de facilitarlle á cidadanía información de carácter xeral, particular ou pública, así como a presentación e tramitación de suxestións e queixas.

icona

Atención a persoas usuarias . O Centro de atención a persoas usuarias (CAU) da Xunta de Galicia dá soporte funcional e técnico en cuestións informáticas e de comunicacións ao persoal da Xunta de Galicia e das entidades que forman parte da Administración local de Galicia.

41 / 62