Esta guía elaborouse no marco do I Plan de igualdade da Xunta de Galicia co obxectivo de proporcionar orientacións para o uso dunha linguaxe non sexista e inclusiva, tanto nas comunicacións interpersoais no eido laboral como na redacción de comunicados e documentos oficiais.
A súa elaboración inscríbese no disposto na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que establece a obriga de empregar unha linguaxe non sexista por parte das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.
A devandita guía apoia as súas propostas nunha análise bibliográfica de referencia, adecuando as recomendacións ao contexto específico. Cabe engadir que estas teñen en conta un uso da linguaxe dende tres perspectivas diferentes e complementarias:
gramaticalmente correctas,
contextualmente e pragmaticamente adecuadas
e socialmente aceptables.
Con todo, a presente guía demostra que é posible aspirar a unha comunicación non sexista e inclusiva sen complicacións, que resulte lixeira e natural. Para iso, comparte múltiples ferramentas que permiten construír unha linguaxe que cumpra estas expectativas.