Horario laboral
O horario laboral do persoal empregado público da Xunta de Galicia pode ser:
- Horario xeral: será de luns a venres, das 7.45 ás 15.15 horas.
- Horarios especiais: excepcionalmente e atendendo á natureza do servizo prestado, poderase establecer un horario especial nos supostos de postos de traballo adscritos a unidades de información e atención cidadá, co fin de posibilitar o cumprimento do seu horario de funcionamento; postos de traballo nos cales resulte máis adecuado pola natureza das súas funcións un horario das 9.00 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 18.30 horas; e postos de traballo doutras unidades polas peculiaridades das funcións asignadas a elas.
- Dispoñibilidade horaria: o persoal que desempeñe postos clasificados como de libre designación estará sometido á dispoñibilidade horaria.
- Horario flexible: horario de traballo non ríxido que se adapte ás necesidades do persoal empregado público dentro duns límites previamente acordados pola Administración, salvagardando en todo caso as necesidades do servizo.
Modalidades de horario flexible:
- Por razóns de conciliación da vida familiar e laboral: o persoal empregado público da Xunta de Galicia con fillos/as ou acollidos/as menores de doce anos, ou con familiares conviventes que, por enfermidade ou avanzada idade, necesiten a asistencia doutras persoas, poderán solicitar a flexibilidade horaria. Os homes e as mulleres que se encontren en proceso de nulidade, separación ou divorcio terán idéntico dereito, desde a interposición da demanda xudicial ou, por decisión da persoa interesada, desde a solicitude de medidas provisionais previas, ata transcorridos tres meses desde a citada demanda ou, de ser o caso, desde a citada solicitude.
Dentro das 7.30 e as 18.30 horas fixarase, en cada caso, por pedimento da persoa interesada e oídos os órganos de representación do persoal, o horario diario de referencia. Este horario diario de referencia poderá ser superior ás 18.30 horas sempre que o centro ou edificio administrativo permaneza aberto, e como máximo abranguerá ata as 20.00 horas de luns a xoves e ata as 15.30 horas os venres. Dentro do horario diario de referencia establecido, a persoa interesada poderá cumprir a súa xornada de traballo con absoluta liberdade, sempre e cando resulten cumpridas todas as horas de traballo aplicables, en cómputo mensual. - Flexibilización automática: o persoal empregado público da Xunta de Galicia poderá acollerse a esta modalidade sempre e cando resulten cumpridas todas as horas de traballo aplicables, en cómputo mensual. Este horario flexible constará de dúas partes:
- Parte fixa: o horario fixo de presenza diaria no posto de traballo será das 9.00 ás 14.30 horas, de luns a venres.
- Parte flexible: o tempo restante, ata completar a xornada laboral, realizarase en horario flexible das 7.30 ás 9.00 horas, de luns a venres, e entre as 14.30 e as 18.30 horas, de luns a xoves, así como entre as 14.30 e as 15.30 horas os venres. Este horario poderá ser superior ás 18.30 horas sempre que o centro ou edificio administrativo permaneza aberto e, como máximo, ata as 20.00 horas, de luns a xoves, e ata as 15.30 horas os venres.