Integración das persoas con discapacidade no emprego público

A integración do colectivo de persoas con discapacidade e, máis concretamente, do colectivo de persoas con discapacidade intelectual no emprego público conséguese creando un emprego público inclusivo e estable e adoptando medidas que favorezan a inclusión e inserción laboral deste colectivo.

No ámbito do acceso á función pública adoptouse unha serie de medidas de discriminación positiva coa finalidade de garantir o dereito á igualdade de oportunidades e trato das persoas con discapacidade.

Entre as medidas adoptadas que van dirixidas fundamentalmente a favorecer a inclusión, figuran:

  • Establecer cotas de reserva de prazas para persoas con discapacidade nas ofertas de emprego público.
  • Configurar quendas de acceso diferenciadas nas convocatorias públicas ordinarias.
  • axustar tempos e medios na realización dos exercicios.
  • Realizar convocatorias independentes para o colectivo.

A Consellaría de Facenda asinou un convenio de colaboración coa Fundación Down Galicia e outro coa Federación Galega de Asociacións a favor das persoas con discapacidade intelectual (Fademga) para realizar actividades de asesoramento e apoio na inserción laboral do colectivo na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

As actuacións e obrigas previstas nestes textos viran arredor de dous eixes fundamentais:

  • A formación das persoas con discapacidade intelectual.
  • O apoio na inserción e adaptación nas contornas de traballo.

Entre as medidas de apoio á inserción laboral para o colectivo de  persoas con discapacidade intelectual que  superan un proceso selectivo na Xunta de Galicia, figuran a selección previa e detallada dos postos de traballo que se van ofrecer no acto de elección de destino, coa finalidade de garantir  que os ditos postos sexan compatibles co desenvolvemento das funcións e tarefas asignadas. Para a elección de destino tamén se teñen en conta outros aspectos, como a localidade de residencia dos candidatos aprobados e as súas preferencias. Estas medidas de inserción laboral complétanse coa creación da figura da persoa funcionaria responsable da acollida na unidade á que van destinados.

Doutra banda, desde o portal web da Xunta de Galicia (www.xunta.gal) ofrécense varias ferramentas web que axudan a mellorar a accesibilidade a todas as persoas empregadas públicas que presenten algún tipo de discapacidade, entre as que figuran estas:

  • Unha ferramenta que facilita a navegación polos portais web de maneira sinxela, adaptándose ás necesidades da persoa usuaria, usando a voz, sons, automatizando botóns, introducindo un dispositivo premedor no teclado, ampliando e limpando o texto, etc. Pode accederse a ela premendo no botón "Axuda á navegación" que figura no pé do portal. Progresivamente, esta ferramenta estase incluíndo noutros portais web.
  • Unha ferramenta que fai accesibles as páxinas e documentos en .pdf, léndoos en voz alta e permitindo a navegación polo seu contido para escoitar unha sección concreta que se escolla ou regular a velocidade de lectura, entre outras utilidades.
27 / 62