Linguaxe administrativa sinxela

A linguaxe administrativa adoita ser técnica en exceso, pouco flexible, repetitiva e monótona. Para facilitar a comprensión, débese buscar unha linguaxe clara, sinxela, precisa, correcta e adaptada á persoa destinataria. A cidadanía ten dereito a que os textos administrativos sexan claros e sinxelos. Un documento administrativo sobrecargado e pouco entendible pode producir confusión nas persoas destinatarias ata o punto que, mesmo, sexan incapaces de tomar decisións despois de lelo sen axuda e asesoramento.

Pola contra, un texto administrativo redactado en linguaxe clara permítelle ao público destinatario atopar sen dificultade aquilo que precisa, comprender de forma doada o que atopa e usar esa información con coñecemento e seguridade. Ademais, comunicar mellor evita erros, reduce custos e mellora a satisfacción das persoas usuarias. A maiores, comunicar de forma sinxela e clara aumenta a transparencia informativa, o cal xera seguridade nos poderes públicos e nos seus representantes.

Nesta liña, cómpre trazar criterios de simplificación lingüística para leis e outra normativa, analizar e resolver os problemas de comprensión que presentan os textos técnicos, formar o persoal encargado de redactar documentos e difundir as ideas que sosteñen o estilo chan ou sinxelo a través de publicacións e xornadas informativas. A guía que se ofrece a continuación é a primeira tesela dun futuro mosaico de ferramentas de apoio cuxas pedras angulares serán a precisión expresiva e a claridade comunicativa. De par da guía, inclúese un decálogo de escritura clara, que recolle dez pautas para escribir de xeito sinxelo.

43 / 63