Que facer en caso de enfermidade profesional ou accidente de traballo

Que é un accidente laboral

Considérase accidente laboral toda lesión corporal que o traballador ou traballadora sufra con ocasión ou por consecuencia do traballo. Tamén teñen a consideración de accidentes de traballo os relacionados no artigo 156 do Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social.

Talón de solicitude de asistencia

  • Mutua Gallega: a persoa accidentada solicitará o talón ao departamento de persoal para presentalo no centro asistencial.
  • Outras mutualidades: deberán dirixirse aos centros establecidos no cadro médico que lle corresponda segundo a súa mutualidade co talón/tarxeta.
  • De non coñecer a mutualidade á que está asociado/a, poderá informarse no órgano de persoal correspondente.

Asistencia médica

A persoa accidentada será atendida no centro asistencial. Unha vez que reciba asistencia médica, obterá un parte que indicará se procede ou non a baixa médica.

  • Parte de asistencia sanitaria sen baixa: a persoa accidentada deberá incorporarse ao traballo o día seguinte.
  • Parte médico con baixa: a persoa accidentada deberá entregar o parte no servizo de persoal. Cando sexa dada de alta, deberá entregar o parte médico de alta no servizo de persoal e incorporarse ao traballo.

Nova póliza de seguros de accidentes persoais

A Consellería de Facenda e Administración Pública subscribiu, con efectos do 1 de xullo de 2023, unha nova póliza de seguros de accidentes persoais, que dá cobertura a todo o persoal da Xunta de Galicia.

Con carácter xeral, as coberturas en caso de falecemento ou invalidez derivada de accidente ou enfermidade profesional son as previstas no folleto informativo adxunto.

Ademais do anterior, prevese a posibilidade de que calquera persoa empregada pública da Xunta de Galicia poida ampliar as devanditas coberturas, mediante a subscrición individual e voluntaria dun suplemento/complemento do seguro e mais o pagamento dun importe adicional.

Calquera aclaración en relación con esta información será atendida mandando unha mensaxe á seguinte conta de correo electrónico: partes.xestionriscos.facenda@xunta.gal

52 / 62