Representación das persoas traballadoras en materia de prevención
A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención dos riscos laborais, regula no seu capítulo V a consulta e participación das persoas traballadoras en materias que afectan á seguridade e saúde no traballo. Máis concretamente, no artigo 33 establece a obriga empresarial de someter á consulta das persoas traballadoras todo o relativo á seguridade e saúde laboral na empresa.
Os mecanismos de consulta e participación especializada nas materias de prevención de riscos laborais son os/as delegados/as de prevención e os comités de seguridade e saúde laboral. Seguindo estes preceptos, a Xunta de Galicia asinou un acordo sobre dereitos de participación do persoal ao servizo da administración da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais (Resolución do 29 de decembro de 2010 e a súa corrección de erros), que afecta a todo o persoal ao servizo da Administración xeral da Xunta de Galicia, ao persoal dos centros educativos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ao persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e ao persoal da Administración de Xustiza.