A vixilancia da saúde consiste na observación do estado de saúde do persoal traballador en función dos riscos inherentes ao seu traballo.
De acordo co disposto no artigo 22 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, os/as empresarios/as deben garantir ao conxunto dos/as traballadores/as ao seu servizo a vixilancia periódica do seu estado de saúde en función dos riscos inherentes ao traballo.
No ámbito da Administración autonómica, é función do Servizo de Prevención de Riscos Laborais realizar, entre outras funcións, esa vixilancia da saúde dos empregados e das empregadas públicos/as da Administración xeral da Xunta de Galicia. Esta vixilancia debe comprender:
Historia clínica en función dos riscos inherentes ao traballo
Exploración clínica, que comprenderá o control da visión, espirometría, otoscopia, audiometría e electrocardiograma
Analítica de sangue e de urina
Exame médico para mulleres que comprenderá: estudo citolóxico, exploración mamaria e mamografía, se procede
Proba específica para homes maiores de 50 anos: determinación do antíxeno prostático en sangue (PSA)
Periodicamente, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes garántelle ao persoal traballador a vixilancia e control do estado da súa saúde mediante a publicación no DOG, ou calquera outro método que facilite a difusión, da convocatoria do anuncio dos recoñecementos médicos.