Vacacións

As vacacións anuais retribuídas do persoal funcionario e do persoal laboral terán unha duración de vinte e dous días hábiles por ano completo de servizos, ou dos días que correspondan proporcionalmente se o tempo de servizos efectivos durante o ano foi menor. Non obstante, o persoal funcionario e o persoal laboral terán dereito ao gozo dos seguintes días de vacacións, por ano completo de servizos, ou dos días que correspondan proporcionalmente se o tempo de servizos efectivos durante o ano foi menor, ao completar os anos de antigüidade que a continuación se indican:

  • Quince anos de servizo: vinte e tres días hábiles
  • Vinte anos de servizo: vinte e catro días hábiles
  • Vinte e cinco anos de servizo: vinte e cinco días hábiles
  • Trinta ou máis anos de servizo: vinte e seis días hábiles.

Os ditos días de vacacións poderanse gozar desde o día seguinte ao do cumprimento dos correspondentes anos de servizo.

Para estes efectos, non se considerarán como días hábiles os sábados, sen prexuízo das adaptacións que se establezan para os horarios especiais. Non obstante, para o persoal que traballe a quendas considéranse inhábiles os días de descanso semanal obrigatorio e os festivos que o/a traballador/a teña asignados nas táboas ou cadros horarios pendentes de gozar.

Para a tramitación das solicitudes das vacacións, permisos e licenzas, utilizaranse preferentemente os medios telemáticos que figuran á disposición dos empregados públicos na web da Dirección Xeral da Función Pública a través do PortaX no enderezo https://portax.xunta.es. Así mesmo, deberán acreditarse estes permisos de acordo coa documentación mínima exixida relacionada no anexo desta resolución.